A Asociación de Memoria Histórica entrega os restos de dous represaliados na Pobra do Brollón ás súas familias

Entrega de restos no concello da Pobra do Brollón: Fonte: EP

Os restos do xastre José Rodríguez Silvosa e do gandeiro Ramón Somoza, falecidos por disparos da Garda Civil en 1938, foron entregados este sábado ás súas familias.

Os restos do xastre José Rodríguez Silvosa e do gandeiro Ramón Somoza, falecidos por disparos da Garda Civil en 1938, foron entregados pola Asociación de Recuperación de Memoria Histórica este sábado ás súas familias nun acto celebrado na Pobra do Brollón (Lugo) no que se homenaxeou tamén aos represaliados durante a Guerra Civil.

Acto en A Pobra do Brollón. Fonte: Europa Press

Os restos de José e Ramón, que tamén fora concelleiro socialista en Monforte na II República, foron exhumados en Castroncelos, en tumbas localizadas pola Asociación (ARMH) no adro da igrexa, ás que se chegou polos indicios e as informacións descubertas cando se buscaba aos irmáns García Moral.

José Rodríguez Silvosa, de 31 anos, viúvo e con tres fillos, e Ramón Somoza, solteiro e de 39 anos, foron tiroteados en xullo de 1938 pola Garda Civil cando eran conducidos polo camiño de Salcedo e Castroncelos, por “tentar fuxir”, segundo se recolle na documentación xudicial existente e feita pública pola ARMH.

Os seus corpos apareceran na madrugada do 14 de xullo dese ano “tendidos no chan, boca abaixo, un coa cabeza cara ao oeste e outro cara ao norte, achándose o que aparece coa cabeza cara ao Norte vestido cun traxe claro en bo estado e o outro con roupa bastante deteriorada, calzando alpargatas brancas e o outro con bos zapatos de coiro”, segundo recollía o recoñecemento médico practicado naquel momento.

Os seus restos foron entregados aos seus familiares nun emotivo acto celebrado no salón de actos do Concello da Pobra do Brollón, iniciado coa Marcha do Antigo Reino de Galicia. Ás mans dos familiares chegaron tamén os poucos obxectos localizados nas fosas: uns xemelgos, un cinto e unhas chaves de Silvosa, e uns botóns de Somoza.

A nivel persoal foi moi emocionante, e para as familias foi incrible, para a familia de Silvosa máis, os seus pais xa eran orfos de nai e en 1938 quedaron sen pai”, explicou Carmen Rodeja, membro da Asociación de Recuperación da Memoria Histórica.

Unha ofrenda floral aos represaliados da Pobra do Brollón, no exterior da casa consistorial, coa presenza dos alcaldes desta localidade e de Monforte, iniciou unha homenaxe que despois proseguiu no salón de actos coa lectura dun texto de Olga Novo e o recordo, coa presenza da súa filla, ao alcalde da Pobra do Brollón, Antonio Reboiro Rodríguez, represaliado no ano 1936.

Non faltaron tampouco as referencias aos irmáns García Moral, “grazas aos que se localizaron os restos de José e Ramón”. “Iniciamos a procura dos dous irmáns, pero non apareceron porque houbo uns cambios no edificio da igrexa, pero ao final puidemos ter un final feliz, atopando primeiro os restos de Silvosa e despois os de Somoza”, explicou Carmen Rodeja, que avanzou que se confía en retomar a investigación iniciada “nun par de meses”.

As palabras de Víctor Bermúdez, neto de Silvosa, e de José Antonio Somoza, sobriño neto de Somoza, marcaron un acto no que tamén tomou a palabra o arqueólogo Xurxo Ayán, así como Xulio Valcárcel os alcaldes de Monforte, José Tomé, e da Pobra do Brollón, José Luís Maceda Vilariño, e que pechou a música do Himno Galego e unha comida de confraternización.

SILVOSA E SOMOZA

A ARMH relata que José Rodríguez Silvosa era natural de Lugo, onde naceu supostamente en 1907. Era viúvo e tiña tres fillos, traballaba como xastre e residía en Monforte desde 1936, poucos meses antes do estalido do golpe de estado. Participaba na resistencia ao golpe de estado en Monforte de Lemos, pero logo da toma das forzas falanxistas do control, viuse obrigado a  fuxir ás montañas.

Pola súa banda, a Asociación explica tamén que Ramón Somoza Álvarez, era natural de Ponche Canedo, naceu en 1899. Pertencía ao Partido Socialista de Monforte, do que fora concelleiro durante a II República. Fora condenado a seis anos de prisión uns meses antes da revolución de outubro de 1934, implicado nun depósito de dinamita xunto con varios membros máis do PSOE, aínda que con posterioridade foi amnistiado. Do mesmo xeito que José, Ramón participou na resistencia que existiu en Monforte contra os militares sublevados contra o goberno republicano, aínda que logrou escaparse a finais de xullo de 1936, ata que foi detido cando tiña 39 anos de idade.

Tras a localización dos seus corpos, as investigacións, exponse desde a ARMH, chegaron ao Xulgado de Instrución de Quiroga, quen ordea á Garda Civil da Pobra do Brollón que investigue o ocorrido e solicita ao Xulgado de Instrución de Monforte que localice aos familiares.

Só se localizou á nai de Ramón Somoza, case quince días despois, que xa era coñecedora do falecemento violento do seu fillo “por rumores”. A familia de José Rodríguez, viúvo, non puido ser informada. No transcurso das investigacións documentadas, o Comandante Militar respondeu que José e Ramón “foron mortos pola Garda Civil, cando eran conducidos polo camiño de Salcedo e Castroncelos, por tentar fuxirse”.

O 16 de novembro decidiuse o sobresemento do caso. Días antes, o xeneral Xefe da Oitava Rexión Militar pedira ao Xefe do Terzo que chamase a atención ao Tenente da Garda Civil, Manuel Losada, para que “adopte as máximas previsións ao obxecto de evitar que a forza se vexa no transo de facer uso das súas armas con tan fatais consecuencias”.

“ISTO É UNHA PROCURA CONTRA RELOXO”

O representante da ARMH, Marco González, lamentou, que “a represión en Galicia aínda está sen contabilizar, e o tema da localización de fosas é moi complicado”. “Estas atopáronse a través da petición doutros familiares, pero en Galicia aínda queda moito traballo por facer”, porque non existe un mapa de fosas nin da represión e o traballo que se desenvolve é grazas aos recordos e ao coñecemento popular en moitas ocasións.

E envía unha reivindicación á Xunta da urxencia de realizar un “un mapa de fosas e facer un censo de persoas desaparecidas pobo por pobo”, como existe en Navarra ou no País Vasco, e con accións similares ás que se están realizando en Andalucía.Trátase, remarca, dunha “procura contra reloxo”: o sobriño de Somozas, que se implicou na procura, faleceu recentemente e xa non puido estar no acto para recoller os restos atopados na fosa.

“É unha procura contra reloxo, o traballo da asociación é urxente, porque eles son os primeiros interesados, pero están os netos e os bisnetos aos que temos a obrigación de dar a resposta, para poder resolver esa incógnita do pasado máis recente”, concluíu

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here