A hostalería de Monforte vai recibir outro pequeno impulso económico grazas ao 2º Plan Reactiva para a Hostalería que vén de anunciar o seu alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
O plan de acción consiste en destinar 200.000 euros a axudas directas ás que poderán optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte. Segundo os datos municipais, son 98 establecementos hostaleiros, polo que no caso de que solicitaran todos as axudas, o gasto total sería de 196.000 euros, por iso dende o Concello estableceuse a partida en 200.000 euros.
“Concederemos unha contía fixa de 2.000 euros ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que sexan titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021” subliñou o alcalde.
Esta nova liña de axudas vén motivada logo de que o Goberno da Xunta de Galicia establecese, mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2021 as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que supuxo, dende o mércores 27 de xaneiro, o peche da hostalería, unha medida que estivo vixente, alomenos durante un mes, en moitas partes de Galicia.
Insisitindo no peche devandito, Tomé Roca lembrou que “esta limitación á hostalería por parte do goberno do Sr. Feijóo non veu acompañada nese momento de axudas económicas que, dende o goberno autonómico se lle prometeran a este sector”. E engadiu, “esta axuda de 2.000 euros por establecemento, é maior que a media das axudas da Xunta que oscilan entre 600 e 1.200 euros. Se fose necesario algún tipo de axuda máis, o Goberno Municipal será sensible coas necesidades do noso tecido produtivo”.
TRAMITACIÓN DAS AXUDAS
A concesión das subvencións efectuarase en réxime de concorrencia non competitiva e a resolución das mesmas realizarase por rigorosa orde de entrada. Respecto á súa formalización cómpre dicir que se simplifican ao máximo os requisitos para ter dereito ás axudas co obxectivo de que cheguen a todos os hostaleiros. Así, pois, chega con presentar dous documentos: o modelo de solicitude normalizado e unha declaración responsable.
O prazo de presentación de solicitudes, de xeito presencial ou a través da sede electrónicoa do Concello de Monforte, será de trinta días naturais a partir do día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP), que se levará a cabo nos vindeiros días, dentro da primeira quincena do mes de abril.