InicioTerra de LemossanidadeO 'mareo' de citas no Centro de Saúde de Monforte

O ‘mareo’ de citas no Centro de Saúde de Monforte

A falta de médicos está a provocar un complicado e incómodo 'encaixe de citas' para os usuarios e as usuarias. Coñecemos o exemplo dunha persoa á que lle cambiaron o día da cita ata en catro ocasións en oito días.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A falta de persoal na Atención Primaria está evidenciando a precaria situación da sanidade pública con graves trastornos en moitos Centros de Saúde galegos.

Un deles é o de Monforte que, dende hai un tempo, arrastra problemas para cubrir a plantilla de médicos que necesita. Tan grave é a situación que está a provocar continuas protestas e incluso levou a reunirse de forma extraordinaria o Consello Municipal de Saúde que fixo un chamamento á Consellería de Saúde para que procedese con urxencia á cobertura de prazas vacantes.

PROBLEMAS PARA CONSEGUIR CITAS

A falta de facultativos está provocando problemas de citas, tanto na tardanza en conseguir unha como no ‘baile’ de datas para poder chegar á consulta dos poucos médicos e médicas dispoñibles.

Tal é o despropósito que este medio coñeceu o caso dunha usuaria á que lle cambiaron en menos de 8 días ata en catro ocasións a cita médica. Coñezamos a cronoloxía desta historia.

A comezos de Nadal pediu cita dende a aplicación do Sergas e adxudicáronlle o 3 de xaneiro. O día 28 ve unha chamada perdida e deulle por mirar na aplicación non fora ser que chamaran do ambulatorio para cambiarlle a cita. Ao entrar levou a sorpresa de que non tiña ningunha visita médica informada e pediu unha para o 4 de xaneiro que era a data máis inmediata dispoñible.

Chámana o día 29 de decembro e dinlle que queda logo así, a visita do 3 pasa ao 4 tal como se informara na aplicación do Sergas.

Cando todo parecía arranxado, o 2 de xaneiro mira a aplicación para saber a hora da visita e descubre outra vez que non tiña cita asignada. Elimináranlla unha vez máis dende o Sergas. Repetindo a acción anterior, pide dende a aplicación cambio para o 13 de xaneiro.

Chámana o 3 de xaneiro dende o Centro de Saúde para dicirlle que se esqueza da cita do 4 e que a do 13 que figura na aplicación xa non ten validez, que agora se quede con que a súa cita será o día 16.

A cita que ía ser para o 3 de xaneiro, agora pasa ao 16, trece días máis tarde…

Pero non queda aí a cousa, o 4 de xaneiro chaman a esta ‘paciente paciente’ pola tarde para dicirlle que a cita do 16 pasa ao 9 pola tarde e ela acepta. Por se o desconcertante baile de citas non fora pouco aínda a chaman o sábado 7 –si, un sábado– para dicirlle que lle van cambiar a hora da cita do 16 cando esa cita tiña que estar xa anulada, pois fora comunicado o cambio para o 9. Vendo o erro, dinlle que se quede logo coa cita do 9 pola tarde.

Este caso é real e foinos relatado por unha usuaria, pero cónstanos que hai casos semellantes con cambios, anulacións e ‘encaixes de boliños’ varios para acceder a unha cita médica no Centro de Saúde monfortino.

CONCENTRACIÓN DE PROTESTA

Continuando con protestas e queixas varias, de usuarias/os e partidos políticos, o BNG de Lugo Sul convocou á veciñanza da comarca a unha concentración diante do Centro de Saúde de Monforte de Lemos.

Convocan a toda a veciñanza da comarca a participar nunha concentración que se desenvolverá o vindeiro luns, día 9 de xaneiro, ás 13:00h, diante do Centro de Saúde de Monforte de Lemos.

Os nacionalistas reivindican a recuperación da área sanitaria para dotar ao hospital comarcas de máis especialidades, e a defensa da Primaria como eixo fundamental para unha atención digna nas comarcas, eminentemente rurais.

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...