Como vén sendo habitual estes últimos anos, chegado o 31 de decembro facemos un pequeno ‘ranking’ das noticias publicadas en Xornal de Lemos que foron máis vistas durante o ano. Os sucesos seguen sendo as que máis impacto e alcance teñen pero non queremos que a listaxe se limite a estas, co cal darémoslle máis protagonismo ao resto na nosa escolla.
Así, logo, damos conta de 10 noticias que, segundo as estatísticas, espertaron un maior interese entre os nosos seguidores e seguidoras ao longo do 2023. Sete delas son de alcance social por diferente temática e outras tres poñémolas como os sucesos de maior alcance nestes 12 meses.
NOTICIAS MÁIS VISTAS NO 2023
1-Concentración do persoal da DomusVi de Monforte pola falta de medios e profesionais. Baixo este título Xornal de Lemos daba conta da mobilización do persoal desta residencia que tivo lugar o pasado mes de outubro diante do centro de traballo. O persoal laboral denunciaba a falta de profesionais e de medios para atender os residentes.
2-A apicultura para Manuel Aira, “de afección para relaxarse e volver ao rural ao ataque dun oso e agora as velutinas”. Esta entrevista tivo unha repercusión espectacular e nela dábase a coñecer a historia de Manuel Aira. Un bombeiro de profesión que comezou coa apicultura como afección ata darse de alta e ter na actualidade unhas 150 colmeas e vender mel coa etiqueta de Mel Aira.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2023/10/a1-1024x768.jpg)
3-Panorama, Combo Dominicano, Olympus e Gin Toni’s nas Festas de Escairón. No terceiro lugar aparece esta noticia referida ao espectacular cartel de festas da capitalidade do Concello do Saviñao. Unhas festas por todo o alto con grandes propostas musicais e outras máis clásicas como a tradicional Carreira de Burros.
4-Un quirogués na proba de BTT máis dura do mundo. O deporte tamén en alcance e tirón. Así o constata esta reportaxe na que demos a coñecer a traxectoria do quirogués Alberto Alanís Abelaira e o feito de que participaba do 22 ao 29 de xullo na Iron Bike, unha competición top mundial que se celebrou nos Alpes Marítimos. Descubrimos un deportista de gran talento, con grandes éxitos deportivos pero pouco coñecido e recoñecido na contorna.
5-A Praia Fluvial de Monforte ubicarase en Ribas Altas, na zona da Lama. Con esta nova desvelábase a futura ubicación deste espazo público sobre o cal se especulou durante varios meses en Monforte. Segundo comunicaba o equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta infraestrutura realizarase na Parroquia de Ribas Altas, na zona coñecida como A Lama, na marxe dereita do río Cabe. Concretamente, nos terreos delimitados pola estrada de Monforte a Lugo, pola Pista do Canal de regadío, por camiño público que a separará das fincas particulares e polo río Cabe.
6-A empresa Fenestra S.L. amplía a súa presenza no polígono do Reboredo, en Monforte. Esta nova resultou atractiva polos bos presaxios de revitalización económica deste polígono e do sector industrial monfortino. Con esta operación adxudicábanse as dúas últimas parcelas que quedaban dispoñibles nesta área industrial.
7-“Case todo o que pisamos na montaña é comestible ou medicinal”, Carolina Martínez, divulgadora de plantas silvestres. Unha entrevista na que coñeciamos a historia de ‘Carol’, unha rapaza que fixo o camiño de Barcelona a Torbeo para reencontrarse coa súa nenez e comezar unha nova vida no rural, en contacto coa natureza e aproveitando o potencial das plantas dos nosos montes.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2023/12/IMG-20231130-WA0006-1024x742-1.jpg)
SUCESOS MÁIS VISTOS
1-Un axente da Policía Local de Sarria é achado morto dun disparo no soto do Concello. Un acontecemento tráxico que conmoveu á nosa audiencia. O corpo sen vida dun axente da Policía Local era atopado en decembro deste ano no soto das dependencias do Concello de Sarria, vítima dun disparo de arma de fogo.
2-Morren dous mozos en Chantada e outro sae ileso ao chocar o seu coche contra un xabaril. Un accidente de tráfico terrible que rematou coa vida de dúas persoas no mes de agosto.
3-Aparece nun coche estacionado no aeroporto de Bruxelas o cadáver dun veciño de Sarria. Segundo se soubo, o home falecido marchara a Bruxelas tempo atrás para traballar nunha empresa de telefonía.