Homesociedade'Tapicheo' e punkis en Sarria

‘Tapicheo’ e punkis en Sarria

Ata o 9 de decembro desenvolverase o XII Concurso de Tapas e o sábado día 8 terá lugar o III Encontro de Punkis de Aldea.

Publicado o

- Advertisement -

O concello de Sarria organiza o seu popular “Tapicheo” aproveitando a ponte da Constitución e cunha máis que importante representación de establecementos hostaleiros participantes. Un total de 24 serán os locais que presenten a súa mellor creación gastronómica ao longo das cinco rutas creadas para o desenvolvemento deste certame. Un arco da vella de rutas, pois cada unha delas está representada por unha cor.

Na “Ruta Azul” temos ao Restaurante O Descanso, Dp Cristal, Cafetería El Parisien, Bar Rosyl e D’Orixen. Na “Ruta Verde” están o Tucán, Triskel, Don Pepe, Xarope e Cafetería Central. Tamén temos a “Ruta Amarela” coa Cafetería Next, Cafetería Santiago, Mesón Roberto, Alfonso IX e O Chanto; a “Ruta Laranxa” co Montecarlo, a Travesía dos Soños, o Casino e Camiño Francés. E como última ruta a “Ruta Vermella” na que atopamos a DPont, Adarve, A’ Oficina, 8mm e As de Picas.

Os participantes terán unha tarxeta de votación con 24 selos e aqueles que a completen entrarán nun sorteo dun bono agasallo para unha viaxe e tamén no resto de premios en xogo, case 20 relacionados con diferentes obsequios que poñen para a ocasión establecementos comerciais de Sarria. Os que non cheguen a selar nos 24 locais e alcancen os 15 selos xa poderán entrar tamén no sorteo dos agasallos indicados, agás na viaxe.

O horario das degustacións será entre as 20.00 e as 23.00 horas, mínimo e obrigatorio, pero quedando aberta a opción de que ofrezan as tapas tamén ao mediodía se así o desexan. Os prezos dos petiscos non son fixos, cada local establece o prezo e oscilan entre os 1,5 e os 2 euros.

Por outra banda, o sábado 8 terá lugar na vila o maior encontro de punkis de Galicia, “Punkis de Aldea”, organizado pola Asociación Buril ACDE, da que xa temos falado en Xornal de Lemos.

Baixo o lema “Tendendo pontes” e con 14 formacións artísticas convidadas, a festa estará asegurada dende as 13:00 ata a 1:00 h. da madrugada, 12 horas ininterrumpidas da mellor música punk do Estado.

Leo Arremecághona, padriño do “Punkis de Aldea”. Foto: Leo Arremecághona

Artistas convidados:Menestra de defensa (Guadalajara) Sartenazo Cerebral e Sin Emu (dende Asturies), Bastardos de Rivera (Vimianzo), Lenincat (Compostela), Innoppiah (Pontevedra), O sudor do tractorista (Sarria) e dende Vigo nada máis e nada menos que 6 formacións: Lamprea explosiva, Bakarra, Os Rosmons, Rabuda, Indar Galega e Contenedor de mierda. Como padriño do evento estará Leo Arremecaghona.

Haberá servizo de polbeira e o prezo da entrada máis albergue é de 15 euros.

ÚLTIMAS

Este venres, 16 de outubro, comeza unha nova tempada do “cineclube Ateneo” de Monforte

Este proxecto de cineclub, organizado polo equipo do Ateneo Casino, baixo a coodinación do...

Diego Vallina sobre o  pan de Siós: “cando chego ao Gadis case mo quitan das mans”

Cada día quedan menos panaderías como as de antes, que cozan en fornos de...

Do 26 ao 30 de outubro Quiroga organiza un curso de introdución á lingua e cultura galegas

O Concello de Quiroga contará cun curso de iniciación ao galego especialmente indicado para...

A Deputación inviste na provincia 3,2 M€ en axudas directas ao deporte de base

O servizo de Deportes tramitou as 55 axudas nominativas consignadas nos orzamentos de 2025:...