InicioEn profundidade“É un traballo duro, pero moi reconfortante”, Patricia González, traballadora social

“É un traballo duro, pero moi reconfortante”, Patricia González, traballadora social

Un achegamento ás raíces, vocación e traxectoria laboral desta rapaza que exerce como Traballadora Social do Concello de Sober. Ao longo deses dous últimos anos levou a cabo, xunto con Ana De La Torre Alvaredo, varios proxectos relacionados coa igualdade de xénero, converténdose en dúas referentes nesta área.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Patricia González Vidal naceu en 1994, na parroquia de San Vicente de Deade, na casa dos seus bisavós. Conta, tamén, cun especial nexo de unión con Sober, concretamente coa aldea de Vilariño (Pinol) por parte de súa nai e onde adoitaba pasar moitas das fins de semana da súa infancia. Estudou no colexio público Monte Baliño de Ferreira de Pantón. A educación secundaria obrigatoria e o bacharelato fíxoos na vila de Monforte de Lemos, no instituto da Pinguela. Nestes dous últimos anos levou a cabo, xunto con Ana De La Torre Alvaredo –tamén con raíces en Pantón– varios proxectos relacionados coa igualdade de xénero, converténdose en dúas referentes nesta área. Un deles é a exposición INMARCESIBLES, con grande impacto na contorna.

Segredos de Pantón falou con ela.

Cóntanos, cal é o teu vínculo co termo municipal de Pantón?

En relación ao meu vínculo con Pantón, a miña familia paterna é natural deste municipio e eu nacín e crieime nun dos seus pobos, Deade. E a día de hoxe continúo a vivir nel. É moi difícil separarse deste lugar.

Cal foi a motivación que te impulsou a cursar os estudos de Traballo  Social?

Non recordo ter unha motivación clara, pois escollín o grado con 17 anos e, con esa idade, aínda descoñecía moitas das miñas inquietudes e paixóns. Somos moi novas e novos para escoller o que, en principio, será a nosa profesión durante toda a vida. Pero, sen dúbida, motivábame o cambio, tornar a sociedade e convertela nun lugar máis  xusto. Está  claro que non  fun nada mal encamiñada na miña elección.

“Motivábame o cambio, tornar a sociedade e convertela nun lugar máis  xusto”

E tempo despois, finalizados ditos estudos, como é o teu día a día no mundo laboral?

Pois como xa dixestes, eu son Traballadora Social no Concello de Sober. O meu labor desenvólvese nos Servizos Sociais deste municipio, traballando cun amplo abanico de poboación e promovendo o cambio social que lles permita acceder a unha calidade de vida digna. É un traballo duro, pero moi reconfortante.

Fálanos un pouco dos dous proxectos que levaches a cabo dende o Concello de Sober.   Que   aspectos   positivos   e   negativos   atopaches   na   súa   execución?   

O ano pasado creamos o proxecto “NOSOUTRAS”, o cal narraba a historia, en formato papel e audiovisual, de seis mulleres soberinas co fin de homenaxear a todo o xénero feminino e de visibilizar as condutas machistas que xermolan nas nosas vidas polo simple feito de ser mulleres. Este ano levamos a cabo o proxecto “INMARCESIBLES”, unha exposición fotográfica sobre a beleza real feminina. Nela mostramos mulleres e corpos reais, querendo loitar contra un canon de beleza que nos dirixe a querer encaixar nel, prexudicándonos física e mentalmente. Esta exposición é itinerante, expúxose e continúa a amosarse en todos aqueles concellos e institucións que así o desexaron e cos cales estamos moi agradecidas.  A verdade é que ambos os dous tiveron moi boa acollida, incluso, nos permitiron realizar charlas en diferentes centros educativos e este último, tamén, na prisión de Pereiro de Aguiar. Aprendemos moito deles como traballadoras sociais e, sobre todo, como mulleres.

Como aspecto negativo non destacaría nada, a verdade. Creo que todo paso cara adiante, aínda que sexa pequeno, é bo.

Patricia González co cartel de INMARCESIBLES. Foto cedida.

En que perfís cres que callaron máis as ideas de ambos proxectos?  

A verdade é que, en ambos, a acollida foi moi boa, habendo persoas de todas as idades e de ambos sexos. A retroalimentación que se fixo con cada unha delas foi moi enriquecedora, pois fomos conscientes de que foi algo que removeu e que invitou á reflexión e, sen dúbida, esa foi sempre a    nosa intención. Pero con INMARCESIBLES e coas charlas que executamos en torno a el, quixemos dedicarnos, especialmente, á xuventude. Somos conscientes de que o canon de beleza estalles afectando moito, feito que se agrava se se une o mal uso que se está a facer das redes sociais. Queremos que sexan conscientes da presión social que existe en torno ao corpo feminino e que adquiran habilidades para evitar que isto as e os condicione.

Cóntanos quen foron os teus referentes femininos, tanto no ámbito profesional como persoal.

Tiven a sorte de atoparme con mulleres marabillosas ao longo da miña vida, empapándome moito de cada unha delas. No ámbito profesional, estou eternamente agradecida a unha das miñas profesoras do grado de Traballo Social, Malena de Jesús. Foi a miña titora do TFG e foi ela quen espertou en min as  ganas  de  querer  loitar  a  favor  da  igualdade  de  xénero. No ámbito persoal diríache que cada unha das mulleres que están ao meu carón me ensinan algo e, eu, aprendo moito delas. Pero, sen dúbida, o meu gran referente feminino é a miña nai. As ganas de loita que mostra no seu día a día para que as súas e os seus esteamos ben son fonte de admiración, inspiración e motivación. E máis observando o gran amor co que se fai.

“Tiven a sorte de atoparme con mulleres marabillosas ao longo da miña vida, empapándome moito de cada unha delas”

En Segredos de Pantón, estamos a elaborar un proxecto onde cobra importancia a figura da muller de antano, do século XIX e XX, e cun claro obxectivo de que non se esqueza a situación de desvantaxe que viviu a muller e que segue a vivir. Para elo, invitamos a que nos narren historias femininas de mulleres pantonesas. Que che parece a nosa intención?

Noraboa por a idea, paréceme marabillosa e animo ás veciñas e aos veciños a poñer o seu gran de area. A igualdade é unha loita conxunta e temos que remar todos na mesma dirección, axudándonos a non retroceder nin a caer se a auga está brava, e estao.

En relación con el, relátanos ti algún feito familiar feminino que nos sirva de inspiración.

A miña familia materna é moi ampla e, na súa maioría, somos mulleres. Así pois, a miña avoa e o meu avó tiveron sete fillas e dous fillos. Dedicábanse ao mundo agrario e viviron nun momento histórico que lles fixo pasar diversas dificultades e nunha época, certamente, machista, cuxa condición de mulleres poñía en dúbida a súa valía. Sen sabelo, demostraron todo o contrario, rompendo cos prexuízos. E con respecto á miña familia paterna, natural de Pantón, resérvoa para contárvolo no voso proxecto, como o resto de veciñas e veciños (ri).

Gustaríache levar a cabo algún proxecto no concello onde naciches, coas e cos habitantes de Pantón?         

Con Inmarcesibles tiven a sorte de poder amosar o proxecto en moitos concellos da nosa comunidade e, incluso, fóra dela. Pantón foi un deles e, sen dúbida, xunto a Sober, o que máis ilusión me fixo. Non se trata de dende onde traballas, senón cara onde o fas. É unha loita conxunta, polo que sempre vou estar a crear e a participar en proxectos cun fin común para toda a sociedade.

“Con Inmarcesibles tiven a sorte de poder amosar o proxecto en moitos concellos da nosa comunidade e, incluso, fóra dela”

Consideras   que   aínda   queda   moito   por   recorrer   no   camiño   da igualdade?

Creo que foron moitos os cambios que se produciron nos últimos anos. De feito, un exemplo moi ilustrativo observámolo nos medios de comunicación, cando vemos unha serie ou unha película de hai anos onde se amosan aspectos que en calquera audiovisual actual non terían cabida. Pero nesta mesma vía, continuamos a ver, de forma habitual, noticias de asasinatos por violencia de xénero, sendo esta a cara máis escura do patriarcado. Continúa a pasar porque as mulleres seguimos a estar nunha situación de desvantaxe. Temos moito camiño que facer, moito que berrar e hai que aproveitar todas as oportunidades para facelo e, senón, saír a buscalas.

Para finalizar, Patricia, recoméndanos un libro de temática feminista, que calle nos lectores.

Tendo en conta que continuo a traballar co proxecto de INMARCESIBLES e impartindo charlas educativas sobre a beleza real e a importancia da aceptación, recoméndovos “Bellas para morir. Estereoripos de género y violencia estética contra las mujeres” de Esther Pineda.

ÚLTIMAS

‘Volta ao xogo’: o novo single dos chantadinos TIAM Gz

Tras dous anos sen sacar temas, neste 2024 a banda de Chantada TIAM Gz...

Curso de ‘alquimia herbal’ en Torbeo, Ribas de Sil

Os e as amantes das plantas, e do seu poder medicinal, teñen a vindeira...

Rebaixan a pena dun veciño de Monforte condenado por violación

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo rebaixou, en aplicación da lei do...

O IES Río Cabe no centro da cultura financieira

Durante a xornada contouse coa visita da directora xeral de Ordenación e Innovación educativa,...