InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: A Madalena de Sárria, as igrexas e o hospital (II)

Cousas Xacobeas: A Madalena de Sárria, as igrexas e o hospital (II)

Primeiro foi o Hospital e despois xurdiu o Mosteiro dependente dunha orde relixiosa única e enteiramente sarriá, que cen anos despois da primeira instalación a carón da Capela de San Brais de Vilanova de Sárria, contaba coa protección do Papado, e non gardaba dependencia con ningunha outra autoridade, situación de autarquía que se mantivo ata o ano 1568.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Cousas Xacobeas: A Madalena de Sárria, as igrexas e o hospital (I)

Por un documento darredor do ano 1.349 sabemos que as mandas feitas por cregos e fregueses doutros lugares a favor do hospital do mosteiro, para seren enterrados na Madalena, tiñan que seren partillados por metade cos abades da parroquia da súa moradía, obedecendo ao concepto de “manda feita aos pobres do hospital do dito mosteiro para mantemento ou para vistir ou de panos de leyto..”.

No ano 1.371 o Conde de Trastamara, Lemos e Sárria, don Pedro, fixo doazón ao Mosteiro de Santa María Madalena dos casares da Veiga, de Celeiro e de Manán “que foron da orde do Temple”. Unha mala interpetación do contido deste documento levou a moitos autores a daren por bo que o Mosteiro da Madalena pertencera nalgún tempo aos templarios, apreciación totalmente errada, xa que os bens pertencentes a esa orde en Sárria tiñan a súa cabeza en Santo Estevo de Barbadelo (hoxe Santo Estevo de Requeixo, na parroquia de Maside) e alcanzaban aos lugares da Veiga do Pozo (Veiga de Riba), Celeiro e Manán. Ao desparecer esa orde militar e pasar os seus bens ao Conde don Pedro, este dispuxo delas a favor dos “madalenos” coa obriga de que en cada día os frades  dixesen misa polas ánimas del, das dos seus pais e dos seus avós. A falsa atribución do hospital e mosteiro á Orde do Temple non ten, polo tanto, xustificación ningunha.

cruz dos madalenos / Xaime Félix López

Por unha escritura do ano 1.393 sabemos que a Capela de Santiago do Mercado, que estaba preto do mosteiro, disfrutaba dun terreo dunha tega de superficie deixada por Fernán Rodrígues. Esta capela aparece máis adiante vencellada dalgún xeito ao Mosteiro, se ben, andando o tempo caeu baixo a influencia do Arcediago de Sárria na catedral de Lugo.

Descoñecemos se no século XIV o Hospital e o Mosteiro estaban baixo dun mesmo teito, o que parece máis probable, pero o que si é certo é o feito de que os pelengríns que alí falecían eran enterrados dentro da segunda igrexa (a primeira gótica alí alzada) no entón corpo principal, que máis adiante pasou a ser a Capela de San Lourenzo.

A igrexa mosteiral acollía ademáis os enterramentos dotados por familias notables da comarca, sen que se garde constancia documental esclarecedora deste feito.

Esta segunda igrexa tiña a súa entrada polo cegado pórtico de Santa María Madalena, e estaba a un nivel moi superior ao da actual igrexa (que é a terceira das que alí se alzaron), razón pola que todos os enterramentos anteriores ás primiras décadas do século XVI, como consecuencia do rebaixo entón efectuado, desapareceron.

Pórtico de Santa María Madalena / Xaime Félix López

O “Pórtico de Santa María Madalena” conserva moi deteriorada a imaxe  de pedra da santa titular da igrexa, e ao seu carón aparece a representación gráfica do traslado dos seus restos nun barco ata Marsella, un castelo e  a “Cruz dos Madalenos”,  sinal  este distintivo da Orde dos Benaventurados Mártires de Cristo que o Concello de Sárria adoptou hai algún tempo para identificación do selado de credenciais dos pelegríns.

Os peregrinos que ían cara Compostela eran acollidos no Hospital e alí recibían mantenza, pousada e roupas, e nas camas tiñan os seus correspondentes panos, todo iso grazas aos bens, rendas e esmolas de que disfrutaba o Mosteiro, xenerosamente aportados polos sarriaos ao longo dos séculos.

ÚLTIMAS

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...