Velaquí as dez novas máis vistas en Xornal de Lemos:
1-As reflexións do axente ambiental, Felipe Castro, sobre os lumes do mes de xullo.
O Courel ardía sen control e facíao nunha situación caótica de moitos frontes abertos e unhas condicións climatolóxicas adversas.
2-Entrevista ao Dr. López Reboiro na que se tratou o tema das carrachas.
Unha nova de moito alcance sendo en Galicia e a zona sur de Lugo territorio propicio para estes temidos ácaros parasitarios que poden transmitir a borreliose.
3-O afundimento que cortou a principal comunicación co Courel dende Quiroga.
Foi o 20 de marzo e o corremento de terras afectou gravemente á mobilidade no Courel da parte de Folgoso, tronzando literalmente a estrada LU-651.
4-A historia de Carmen López Rodríguez que volveu dun coma en plena pandemia.
Unha historia curiosa pola situación de quedar en coma antes de que escoitaramos oír falar do coronavirus e pouco tempo despois espertar nun mundo onde o coronavirus era omnipresente…
5-A comparsa de entroido “A chegada da Raíña de Inglaterra a Monforte”.
Foi unha comparsa que levou nada máis e nada menos que un ‘triplete’ no concurso de comparsas do Entroido de Monforte. E resulta tamén paradóxico que tal éxito desta personaxe coincidise co ano do seu falecemento mediático.
6-Entrevista ao escultor da motoserra Jesús Benavides, de Pantón.
O colectivo Segredos de Pantón, deunos a coñecer a unha persoa ben curiosa: Jesús Benavides. Veu de Almería sendo cociñeiro e aquí dedícase á escultura en madeira con motoserra no seu lugar de acollida, a aldea de Cangas, no Concello de Pantón.
7-Reportaxe ao novo xerente do Ruxe-Ruxe de Quiroga.
O seu novo xerente dicíanos que o principal obxectivo era conseguir que se coma ben e a gusto, “que haxa un ambiente aberto e propicio tamén para familias con nenos”. Tamén nos dixo que os nachos e a pizza de polbo estaban triunfando.
8-O anuncio do novo proxecto da farmacéutica Kern Pharma para Monforte.
Segundo a nova publicada, o laboratorio farmacéutico do Grupo Indukern, iniciará no primeiro trimestre de 2023 a construción dunha planta de produtos inxectables en Monforte de Lemos. Anunciábase á prensa que a nova fábrica permitiralle triplicar a súa capacidade de produción e crecer no mercado dos medicamentos éticos e xenéricos, tanto nacional como internacionalmente.
9-Reportaxe sobre a peiteadora e maquilladora Zeltia Mateo, de Quiroga.
Esta rapaza quiroguesa decidiu emprender no rural xusto antes da pandemia, no ano 2019. Tiña vinte e dous anos e, grazas ao empurrón da súa nai, deu o paso para ofrecer os seus servizos de estética e peiteado a domicilio na Comarca de Quiroga.
10-Reivindicación da Serra do Courel como Parque Natural do festival ‘CourelSon’.
“Non máis piñeiros e Parque Natural xa!” era o slogan da Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, organizadora do ‘CourelSon’.
11-Entrevista ao chef arxentino Lucas Busto, do restaurante O Grelo, en Monforte.
O cociñeiro contounos como chegou a Galicia e despois á Ribeira Sacra para terminar ao fronte dun dos restaurantes máis emblemáticos da cidade do Cabe.
12-Campaña de sinaturas para pedir un parque cuberto en Monforte.
A ANPA do CEIP da Gándara puxo a andar alá polo mes de xuño unha petición na plataforma Change.org para buscar apoio popular e solicitarlle despois ao concello que lle puxera cuberta ao parque que se estaba a construír no Barrio do Hospital. O parque quedou inaugurado en outubro e non se atendeu esta demanda.